Cuando:
mayo 10, 2019 a las 8:14 am – mayo 17, 2019 a las 9:14 am Europe/Madrid Zona Horaria
2019-05-10T08:14:00+02:00
2019-05-17T09:14:00+02:00

O alumno Anxo Santos González resultou gañador do concurso de coca cola “Xoves talentos 2019”.

Mandámoslle os nosos parabéns con todo cariño e animámolo a seguir escribindo porque os soños as veces tamén se fan realidade.

De seguido podedes ler o seu relato gañador  e o do seu compañeiro participante tamén no concurso Martín Hoyos Traba.

 

RELATO GAÑADOR DE ANXO SANTOS

Vese o solpor pola ventá, pola ventá branca da parede branca da miña habitación, parece todo tan familiar, tan… normal. Xa estou acostumada a esta imaxe, xa se converteron en rutina as tardes soa, deitada na  miña cama,  lendo ou simplemente pensando.

Gústame pensar en outras vidas, vidas nas que teño a alguén que pase comigo os días, alguén con quen falar… alguén, tan só alguén que lle dea vida a esta casa tan branca e baleira .

Teño que bañarme, collo o móbil e poño música, a que sempre escoito cando me dirixo ao baño, o baño de sempre, coas mesma paredes brancas de sempre. Vai frío, moito, tal vez é pola sensación que me da esta habitación tan branca e ordenada, demasiado ordenada, demasiado… artificial, preparada.

Sempre fun unha persoa perfeccionista, pero xa me estou cansando de min mesma, que pretendo? Causar unha boa impresión? Pero… a quen? hai meses que non saio de casa e a miña vida social está reducida a un “Ola” que cada semana lle dirixo ao repartidor que me trae a compra, a mesma compra de sempre, sen cambios, asústanme os cambios.

Detéñome, e miro ao espello, nel vexo a unha muller pálida, de pelo negro que contrasta co branco e monótono fondo que agora tanto odio .

– Isto é o que queres?  Xa falo ata comigo mesma, esta casa está volvéndome tola

–  Queres morrer soa? Que ninguén te bote de menos? Fago énfase na palabra soa, e observo como lentamente se moven os meus beizos mentres a digo.

Case sen decatarme, as bágoas aparecen nos meus ollos e esvaran pola miña cara , non as limpo, non as escondo, déixoas brotar cada vez con máis forza e berro, é un berro de ira, de horror, de horror polo que a min mesma me fixen, por en que me convertín .Teño que acabar con isto dalgunha maneira, con esta monotonía que me afoga, que me consume os ósos, os músculos, cada parte de min e da miña mente .

Non podo controlarme, rompo o espello dun puñazo, golpeo o lavabo ata que non queda nada dunha peza.

Que acabo de facer? Non me atrevo a dicir se está ben ou mal, porque me sinto viva, mellor que nunca pero… por outra parte estou mal, sei que estou mal, sei que estou mal e este impulso foi a proba de que hai tempo que debía acabar con isto, pero agora xa é demasiado tarde, a miña saúde mental está polos solos, todo está polos solos.

Un enorme charco de sangue aos meus pés destaca sobre as baldosas brancas, é a miña man está  esnaquizada por culpa do espello. Un a un quito os cristais e abro a billa da bañeira, creo que me fai falta relaxarme. Cando a bañeira está chea mergúllome nela, primeiro os pés, a cadeira, a cabeza…  a auga tínguese dun precioso vermello, gústame, estou cansa da auga transparente, a mesma auga de sempre, mergullo máis a miña cabeza, toda a miña cabeza. Aquí, na auga vermella, síntome ben, xenial.

Creo que debería saír, pasalo ben, desfrutar por primeira vez dende hai moito tempo. Decidido.

Peiteo o meu cabelo negro, mírome ao espello, con detemento, non teño presa. Dende pequena sempre me dixeron que son guapa, e sabes que? Que tiñan razón, son guapa, fermosa, acariño cada parte da miña cara coas mans e mentres me miro penso, amo pensar.

TAL VEZ ESTOU MELLOR NESTA HABITACIÓN BRANCA!!!!

 

RELATO MARTIN HOYOS

Naquel mesmo lugar sucedera todo, os ollos abraiados de Moncha contemplaban a escena con certa curiosidade; todo alí era igual a do seu sono salvo que agora sabía ben que estaba esperta. A mesma árbore, o mesmo olor a herba mollada, mais ningún raposo aparecía naquela imaxe, moito menos ningún raposo que falara. Axiña volveu berrar a ver se algún golpe falangueiro decidira aparecer, mirou cerca da fervenza, do bosque, entre matos e campeiros pero nada. Moncha lembrando o parva que era e mirando ao lonxe, o solpor, decidiu volver á vila.

A casa da avoa era vella, moi vella, mais aínda conservaba a súa fermosura. No interior atopábanse miles de andeis cheos de libros sen explorar e con centos de historias que agardaban ser contadas por rapaces e rapazas coma Moncha.

Chegou á cociña e os beizos engurrados da avoa recibírona cun longo e suave bico, durante a cea falaron de todo menos do seu sono, acordara con ela mesma agardar para contar o seu segredo. Logo como de costume despediuse e subiu ao seu cuarto a perderse nun mundo de letras ata quedar vencida por un profundo sono.

-Raposo: Moncha! Moncha!

-Moncha: Raposo! Es ti?

-Raposo: Sálvaa!

-Moncha: A quen?

-Raposo: Pregunta incorrecta rapaza.

-Moncha: Fala raposo, di o que tes que  me    contar, a que te refires?

-Raposo: A pregunta non é a quén se non a qué.

-Moncha: (silencio)

-Raposo: Teño pouco tempo antes de que espertes,  tes que salvar a imaxinación,  os contos, a lingua, a literatura, tes que salvarme a min e a todos os que somos froito das vosas cabezas.

-Moncha: Como? Axúdame!

-Raposo: Estou seguro de que volveremos a vernos.

Cun pequeno fulgor, Moncha espertou e fuxiu ao bosque.

Estaba fría, mais ben xeada, non sabía nin que buscaba nin porque, pero sabía que era naquel lugar, as lendas dos paisanos nunca foran contos para ela e sabía que alí atoparía a solución ao seu segredo.

Acariñou as pólas con suavidade e andou sen rumbo pola densidade dos matos, mirou aos lados e observou a fermosura do bosque na noite. Berrou, berrou e berrou con todas as súas forzas porque non sabía o que facía e alí, e no medio da fervenza, imaxinou, recordou os beizos engurrados da súa avoa e acariñou a herba mollada sobre a que se atopaba; nun campeiro pareceulle ver unha cola.

-Raposo: Grazas.

Finalmente espertou, agora de verdade, e xa sabía o que tiña que facer.